Tudo depois da poesia é uma merda.
Ademar Santos

domingo, 27 de junho de 2010

Tácticas de existencia

Extravieime nunha paisaxe de imprevistos,
accidentada de penedos que sen razón ningunha
me obstruían o paso,
me esganaban os folgos,
me batallaban a incerteza das vitorias
noutro milenio antigo perdidas.

Partín os pés pero avanzo
sobre os tocos,
turro e sangro polos cornos
lama e penumbra,
tebras ás veces.

Son, na imbecilidade máis absoluta,
inocente da loucura allea.
Por iso non me bato en duelos:
a morte vén garantida de fábrica,
certificada pola Norma ISO 9001,
estando penado o seu incumprimento
coa suspensión perenne da vida.

Pola contra, desdirecciónome
no ascenso esgrevio
tanto canto a estratexia me permite
mercé a labores de distracción
que me libren, no posible, de tropezos,
facadas, de ollares torvos ou silveiras:
de trampas sedentas, fundas.

Záfome.