Tudo depois da poesia é uma merda.
Ademar Santos

quarta-feira, 28 de abril de 2010

Visitante nocturno

Xordes sempre pola noite
dentro,
coa composición química dos espectros,
envolto nun pano de verdor pálido,
invertebrado,
e o tintinar dos ferros que te prenden.

Chegas
e unha corpulencia exquisita de silencios
invade o cuarto
construíndo metáforas á medida
do desexo e a plenitude.

Marchas
e un ronsel triste de rosas e bicos
perpetúase no chan
destruíndo a fantasía desmedida
de ansias e impotencias.

Foxes sempre pola madrugada
fóra,
coa fórmula física dun arreguizo
camuflado nun verniz opaco,
acéfalo,
e os estralos das tenaces que te ceiban.

domingo, 25 de abril de 2010

Indicios (I)

Semeábasme a pel
de estreliñas moribundas
coa ponta tépeda da lingua
mentres eu fechaba os ollos
para non estorbar o brillo
do seu estertor sutil.

Nos confíns glaciais do cuarto, axexaban as tebras
que o meu nome impronunciado delataba.

Distancia

É hora de fechar a porta,
de estrullar os oxalás
no morteiro da razón.

Médranme asas de lousa
e grillóns no desexo.

É hora de escavar un foxo
no centro do estómago
e vomitar silencios.

quinta-feira, 22 de abril de 2010

A mentira

Facer como que non
sabendo que é si.

Seguir
de ollos moucos,
de ouvidos bafos,
de boca entalada,
e pel pitoña,
como se nada,
sabendo que todo
xa non é,
ou mellor,
ou máis ben:
que nunca foi.

Negar tres veces é
afirmar no baleiro,
crer na imaxe que me devolven
os espellos de auga.
.agua ed sollepse so

segunda-feira, 12 de abril de 2010

Uma visita inesperada

Vidros partidos foi o que vingou
do almoço improvisado:
nem café, nem croquetes, nem ossos de pernil de peru,
vidros, as minhas mãos tontas.
O dito e o não dito,
em pedaços pequenos,
a confiança que tão grande foi
res-ta-be-le-ci-da,
o copinho minúsculo no chão,
talhado não,
quebrado, partido, roto...
como nos-outros,
tão velhos desiludidos e ainda
querendo viver tudo e tanto,
adolescentes sempre,
ou eternos imaturos
aos olhos deles.

Razóns

Na nube escura que só permite no oriente
un resplandor rosado,
no morado das glicinias que penden coma uvas
de devorar cos ollos,
no canto pertinaz dos melros que debuxa
nos ouvidos clarinetes de colores
na suavidade das teclas con que che dou
novas de min tan vellas,
na temperatura limpa que desde a ventá me delicia
co sabor esencial de cada latexo.

Felicidades coma suspiros
con que rebento o pesadelo da noite.

sábado, 10 de abril de 2010

Vencida

Quan em mori, caveu un clot profund
i enterreu-m'hi dempeus, cara a migdia,
que el sol, quand surt, me encengui el fons dels ulls.
Així la gent que em vegi exclamarà:
―Mireu, um mort amb la mirada viva.
Miquel Marti i Pol
fragmento de "Em declaro vençut",
La pell del violí



Irrompín cun grito desde a marxe esquerda
da desesperanza.

O sol intenso
o frío,
o rexo
tapiz de herba,
de herbas bravas...

O día non prometía nada.